Preocupa a involución da covid na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés
Dezaseis dos vinte e sete concellos de Pontevedra e O Salnés están sometidos a restricións. Isto supón o 90 por cento da pobación desa área sanitaria. Pero malia aqs limitacións de mobilidade e da actividade socioeconómica, a zona segue a ter unha das maiores incidencias da covid en Galicia.
Os responsables da área sanitaria non son optimistas de cara á reunión do comité clínico do vindeiro luns. A evolución non é boa e queda pouco tempo para mellorar as cifras.
Ante esta situación, hai un chamamento unánime dos alcaldes da área, que lles piden aos cidadáns que limiten ao máximo a mobilidade e que saian só o imprescindible.
O alcalde da capital, Miguel Anxo Fermández Lores, invita os cidadáns a pensar nos máis vulnerables. O da Illa de Arousa pide paciencia e prudencia e o de Sanxenxo explica que "pola irresponsabilidade duns poucos non se pode poñer contra as cordas a sanidade".
O xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés xa non baralla a posibilidade de reducir restricións da cara ao Nadal. Pontevedra, Marín, Poio, O Grove, Sanxenxo, Cambados, Vilagarcía, Meaño, Meis, Ribadumia... todos empeoran. Só se rexistran pequenas mellorías en Vilanova e Barro.
"A Illa e Bueu foron os últimos en incorporarse ás restricións", explica Xosé Ramón Gómez.
Perímetros e restricións da hostalería xa van para meses en lugares como Pontevedra capital, onde os cidadáns asumen que non é tempo de festa.
Alcaldes das dúas comarcas insistiron na mensaxe de prudencia que hoxe reiteraba o xerente da área sanitaria. Afirmou que só con disciplina individual se pode baixar a incidencia.