CRTVG

Buscar

Prenden un dos tres supostos autores dun atraco no barrio coruñés dos Mallos

Publicado o 06/04/2021 15:15

Contra as once da mañá a vítima saía dun locutorio da Rolda de Outeiro onde recibira un xiro postal. Fóra agardábano tres homes. Comezaron a mallar nel. Un deles mesmo empregou un desaparafusador como arma contundente, aínda que non lle chegou a causar feridas punzantes. Golpeárono con violencia ata que conseguiron facerse cos cartos.

Foi a propia vítima quen alertou as forzas de seguridade. Os primeiros en chegar foron os axentes da Policía Local que foron quen de prender un dos tres delincuentes. Os outros dous conseguiron fuxir.

Unha ambulancia que trasladou o agredido a unha centro de saúde para que lle curaran as feridas, malia que non revestían gravidade.

Os veciños dos Mallos din que non é a primeira vez que acontece algo similar no barrio. E por isto, aseguran vivir co medo no corpo.

A Policía Nacional mantén aberta a investigación para poder dar co paradoiro dos dous homes que lograron fuxir.

Noticias web

06/04/2021