Premios á "resistencia" do sector cultural galego en plena pandemia
O presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo destacou este xoves a "resistencia" do sector da cultura e dos creadores galegos "nestes tempos tan amargos" e apostou por dirixirse cara a un "novo Rexurdimento" en que a cultura "siga sendo a forza motriz". Así o dixo durante a súa intervención para pechar a entrega dos Premios da Cultura Galega, un acto que tivo lugar, entre fortes medidas de seguridade contra a covid−19, na Cidade da Cultura de Galicia.
Na súa intervención, o presidente galego lembrou o recente 40 aniversario do Estatuto de Autonomía de Galicia e a conmemoración do centenario da Xeración Nós para apuntar que os galegos empregan a cultura como "refuxio" cando "as circunstancias da época son adversas". En cada encrucillada histórica, destacou, "a cultura volve ser a fonte de inspiración que marca a navegación correcta", a dunha Galicia "común na que ninguén está excluído" e na que "abundan as pontes culturais".
Nestes "tempos tan amargos", proseguiu Núñez Feijóo, os galegos "merecen un novo Rexurdimento no que a cultura teña un papel fundamental", tras un ano, 2020, en que foi necesario un plan de reactivación dotado con 26 millóns de euros para "manter con respirador" un sector gravemente afectado pola pandemia, un apoio incrementado agora con outros 23 millóns. "Grazas por crear e por crer nesta terra que nos une",
O conselleiro de Cultura Román Rodríguez foi o encargado de abrir o acto de entrega destes galardóns. Ao evento asistiron, entre outras personalidades, o presidente do Parlamento de Galicia Miguel Santalices.
A escritora Ledicia Costas agradece o Premio das Letras non tanto por si mesma como polo que ten de valoración da literatura infantil e xuvenil. "Por iso valoro tanto este recoñecemento, porque os espazos que se dedican á literatura infantil e xuvenil son mínimos e porque as autoras coma min adoitamos ser tratadas con condescendencia como se non fósemos escritoras completas", di Ledicia Costas, Premio de Literatura.
Un dos promotores do colectivo Galeguizar Galiza recibiu o Premio da Lingua falando de desconfinar a nosa fala. "Desenvolvemos un labor constante, arreo, de desconfinamento da lingua galega nos ámbitos literarios e educativos en que se atopa coutada desde hai demasiado tempo xa", afirma Xosé González, Premio da Lingua.
A Federación Galega de Teatro Afeccionado recolleu o seu Premio de Artes Escénicas glosando os seus proxectos futuros tras pasar de sete a 53 grupos federados. O Premio do Audiovisual foi para o cineasta Chema Prado, que, tras 40 anos polo mundo adiante, coida que como Galicia nada. "Pódese afirmar con lexítimo orgullo que Galicia non só ten moito que dicir na moda, na fabricación de vehículos ou na pesca, por citar tres sectores sen dúbida senlleiros, senon que tamén leva moitos anos cunha produción cultural estraordinariamente destacada nos eidos da música, a arquitectura, a literatura ou a produción audiovisual", asegura Chema Prado, Premio Audiovisual.
A Central Folque dedícalles o seu Premio da Música precisamente aos músicos. "Eu quería que estas palabras e este premio realmente foran para toda a comunidade dos músicos galegos. no só para a xente que interacciona coa Central Folque, tamén as bandas de música, as bandas de gaitas, os gaiteiros, os coros que o están pasando mal precisamente porque estas actividades colectivas son as máis penalizadas pola actual situación", Di Ramón Piñeiro, de Central Folque, Premio da Música.
A filóloga húngara Ildiko Szijj non puido recoller persoalmente o Premio á Proxección Exterior polo Centro de Estudos Galegos que fundou en Budapest. Xurxo Lobato é de máis preto é puido recibir persoalmente na man o Premio das Artes Plásticas que recoñece arte na fotografía.
"É un importante paso para o recoñecemento da fotografía galega como arte e creación que un fotógrafo galego reciba por ver primeira este premio", asegura Xurxo Lobato, Premio Artes Plásticas.
O Premio ao Patrimonio Cultural 2020 levouno a Fundación Penzol polos fondos que pon a disposición de investigadores e estudosos.
"Guiados por aquela premisa de que ninguén ama o que descoñece e coa conciencia clara de que deste xeito estamos a construír país, razón última e primordial da nosa fundación", afirma Manuel Puga, da Fundación Penzol, Premio Patrimonio Cultural.