CRTVG

Buscar

Premio á innovación para os creadores dunha dispensadora de peixe fresco do mercado de Elviña

Publicado o 20/08/2020 14:57

Dende hai xa tres anos, no mercado de Elviña decidiron pensar na xente que non pode acudir ao mercado polas mañás para buscar peixe.

Sonia e o seu home instalaron unha máquina dispensadora de peixe fresco onde a calquera hora do día podes atopar todo tipo de produtos do mar. 

Esta iniciativa, pioneira en Galicia, recibiu o recoñecemento do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro.

Este distintivo, outorgado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, pretende salientar as prácticas de emprendemento promovidas por mulleres do sector.

Sonia cóntanos que non esperaba para nada este recoñecemento e que para ela é un orgullo que se valore o seu traballo. 

O peixe, ao estar envasado ao baleiro, ten un tempo de conservación máis longo do habitual, aínda que adoitan retiralo cada mañá para repoñer con produto fresco. 

Agora non está en funcionamento por motivos de seguridade, dadas as circunstancias sanitarias que se están a vivir, pero agardan poder reactivala o antes posible, porque dende que se instalou tivo unha boa acollida entre os clientes. 

Noticias web

20/08/2020