CRTVG

Buscar

Premian unha técnica contra pequenos tumores pulmonares aplicada no CHUS

Publicado o 21/02/2020 14:37

Radioloxía, medicina nuclear e cirurxía torácica van da man nesta técnica, recoñecida polo seu carácter innovador. Serve para detectar e extraer pequenos nódulos pulmonares e desde que se estreou, hai menos dun ano, no Hospital Clínico de Santiago, xa se someteron a ela oito pacientes, con resultados óptimos.

"En todos puido localizarse o nódulo, quitouse con seguridade, fíxose un diagnóstico fiable que moitas veces implicou tratamento, e os pacientes fóronse de alta en un ou dous días ao seu domicilio; todos eles están ben a día de hoxe", explica o xefe do Servizo de Cirurxía Torácica do CHUS, José María García Prim.

A intervención faise en dúas fases. Tras detectar a lesión cun TAC inxéctase no pulmón un isótopo radiactivo que serve para marcar o tumor. Ao día seguinte, introdúcese unha sonda a través dun pequeno orificio no costado coa que se localiza a lesión.

"A localización é moi precisa, son nódulos de entre cinco e 16 milímetros, e algúns dunha densidade tan baixa que a posibilidade de detectalos sen esta técnica sería nula", aclara o especialista.

Esta técnica foi recoñecida cun dos 13 premios que concede en Galicia a publicación Redacción médica.

Noticias web

21/02/2020