CRTVG

Buscar

Premian unha investigación da USC que humaniza a linguaxe dos asistentes virtuais

Publicado o 25/10/2021 15:17

As tecnoloxías da linguaxe experimentaron un grande avance nos últimos anos e xa é excepción o fogar ou a oficina onde non se tira de asistente virtual para preguntarlle como chegar a un destino, cal é o prezo dun produto ou que tempo vai facer nos vindeiros días. Pero aínda existen termos que se lle atragoan á intelixencia artificial. Atragóanselle algo, bastante ou moito, e precisamente incorporar este tipo de cuantificadores imprecisos á linguaxe das máquinas é o que pretende o proxecto Quanversa.

A responsable do proxecto é Mariña Canabal, unha investigadora do CiTIUS da Universidade de Santiago, que realizou o seu proxecto de fin do doble grao de Matemáticas e Enxeñería Informática desenvolvendo esta ferramenta.

"É un prototipo de axente conversacional especializado en meteoroloxía, e a súa característica principal é que entende preguntas en termos de cuantificadores imprecisos e na súa linguaxe de interacción emprega tamén este tipo de termos nas respostas".

Así, Quanversa é quen de entender e responder, en castelán, e botando man de Meteogalicia, se vai chover moito en Santiago nos vindeiros días, incorporando este tipo de termos á súa resposta. Esta nova investigadora aplicou unha serie de modelos matemáticos ao seu traballo de campo, realizado con 130 persoas. O proxecto, que continúa en desenvolvemento, mereceu un dos premios do Congreso español sobre tecnoloxías e lóxicas difusas.

Noticias web

25/10/2021