CRTVG

Buscar

Premiado con 1,8 millóns de euros un boleto de Primitiva validado en Santiago

Publicado o 06/09/2019 14:31

A administración de lotería da rúa compostelá do Franco é onde foi validada a única aposta que acertou os seis números da combinación premiada e o reintegro na Primitiva de onte: 3,10, 11, 13, 19 e 31. Reintegro, 5. Aquí gran parte dos clientes son xentes que están de paso.

"No verán si, moita", explica José Luis Tojo, titular da administración,"pero agora en setembro reincorpórase moita xente de aquí e o premio puido quedar aquí, ir para fóra. Non teño nin idea, pero a verdade; tamén puido quedar aquí, eh".

O cartel do premio chamaba a atención de clientes de paso e tamén de habituais.

"Si, valideino aquí. Cun millón oitocentos mil euros faría moitas cousas. Estamos pasando unha tempada mala, entón daría para moitas cousas. Aínda non sei se son eu á afortunada, pero teño a ilusión".

"Somos de San Sebastián e viñemos aquí e onte apostei, pero noutra oficina. Que graza, cando o vin pensei: a ver se me tocou algo. Non, pero fixen para mañá".

A persoa premiada xogaba dous euros e decidiu ela os números.

"É un boleto semanal de dúas apostas feito á man", di o loteiro, "é dicir, que non é unha combinación asignada pola máquina, o cliente elixiu el os números".

Entre a clientela desta lotería situada nun dos camiño directos á catedral compostelá había tamén esta mañá numerosos turistas. Preguntamos como lles darían saída a un premio dun millón oitocentos mil euros.

"De momento, unha xubilación adiantada. Xubilaríame, deixaba de traballar e, a viaxar que é o que estou a facer agora, pero con máis tranquilidade".

"Que faría eu?, pois ir de viaxe e axudar os meus fillos e tapar furados".

O dono da administración de lotería salienta a importancia de que se validara no seu despacho un premio tan relevante, o único de categoría especial dese sorteo. Corrobora que o mellor que lle pode pasar a un loteiro é tramitar boletos que obteñan premios millonarios, porque iso chama máis apostantes.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/09/2019