CRTVG

Buscar

Prematuro no medio dunha pandemia: Hugo naceu con 600 gramos de peso

Publicado o 18/11/2020 14:49

Hugo ten case sete meses e pesa xa cinco quilos. "É un pequeno heroe. Está aquí despois de nacer moito antes de tempo e con 600 gramos de peso", do Paula, a súa nai.

Naceu en abril, no hospital Materno da Coruña, con 23 semanas de idade xestacional e en pleno confinamento por mor da covid-19. 

"Eu atopeime soa no medio dun hospital totalmente deserto, cunhas medidas de seguridade ás que non estabamos afeitos...", conta Paula.

"A vida seguiu o seu curso. Houbo nacementos de nenos a término, pero tamén nenos prematuros. Un deles foi Hugo e a súa irmá Valeria. Naceron dun xeito moi especial porque naceron no que os neonatólogos coñecemos como o límite da viabilidade. Esa idade xestacional coa que os nenos poden saír adiante", relata Álex Ávila, neonatólogo do CHUAC.

"As primeiras tres semanas non puidemos collelo. Nin a el nin poidemos coller nunca a Valeria ata pasados 21 días porque eran tan pequenos que non aceptaban moi ben os estímulos", di a nai de Hugo.

 "A nós desde o primeiro momento xa nos dixeron que a UCI estaba aberta para nós as 24 horas. E non só se preocupan dos bebés, tamén das familias. Se te vían mal, sempre tiñan unha palabra de ánimo..."

"Hugo na actualidade xa ten unha idade en que podemos dicir que non ten secuelas importantes", explica o doutor Ávila.

En Galicia, un sete por cento dos bebés son prematuros, nacen antes de chegar ás 37 semanas de idade xestacional. Deles, o 10 por cento ve o mundo antes das 32 semanas.

 

Noticias web

18/11/2020