CRTVG

Buscar

Practicar sen pacientes, o CHUS estrea centro de simulación clínica

Publicado o 27/01/2021 17:51

Atender un paciente que entra na UCI en estado crítico ou mesmo realizarlle unha cirurxía en quirófano. Todo isto sen que o paciente exista. É a simulación médica. O Complexo Hospitalario de Santiago estrea o seu Centro de Simulación Clínica, que posibilita ao persoal médico un adestramento virtual en tempo real coas tecnoloxías máis avanzadas. 

Nesta sala de simulación, Ana e Inés, dúas médicas adxuntas de Neonatos, practican unha reanimación cardiopulmonar. O paciente chámase Gran Prematuro Paul, é un boneco que respira, ten constantes vitais... representa un bebé nado de 27 semanas de xestación e 900 gramos de peso. A tecnoloxía que están manexando permite reproducir situacións que se poderían dar no seu traballo cotián nunha sala de partos ou nunha UCI neonatal.

Luz Couce, xefa de Servizo de Neonatoloxía do CHUS, explica que pode simular casos clínicos reais, como por exemplo "que fai un episodio de apnea, que se pon cianótico, que necesita intubación e ventilación mecánica".

Ademais da sala perinatal, o Hospital Clínico estrea tamén a de simulación médico-cirúrxica, onde o persoal pode practicar coa axuda da cirurxía robótica ou mellorar as súas habilidades en técnicas de ecografía.
Estas aulas posibilitan formacións sen risco para o paciente que ademais poden ser compartidas a través de streaming con outros hospitais.

Noticias web

27/01/2021

Máis sobre Santiago de Compostela