CRTVG

Buscar

Practica deporte á vez que recolle o lixo que atopa

Publicado o 18/06/2020 14:31

A seguinte é unha historia de superación persoal en que o amor pola natureza tivo moito que ver. Porén, o reto máis difícil non está a ser a enfermidade á que se enfronta o protagonista.

Diagnosticado dunha enfermidade neurolóxica que lle impedía practicar ciclismo, hai sete anos Carlos cambiou a bici polo kaiak. Unha actividade que combina á perfección a súa afección polo deporte co seu amor pola natureza, xa que cada vez que sae ao mar aproveita para recoller no seu kaiak todo o lixo que atopa. Unha vez chega a esta praia de Arnela, en Outes, embólsao e déixao todo xunto para que sexa recollido polo servizo de limpeza. E precisamente este é o reto máis difícil de toda esta historia, xa que o seu afán por manter limpo o mar e en moitas ocasións este areal de Arnela atópase co escollo de que ninguén se faga cargo de vir recoller o lixo malia insistencia de Carlos.

Este areal de Arnela, en Outes, é o primeiro no que Carlos desembarcou cando comezou a facer kaiak tras o diagnóstico da súa enfermidade. Desde entón, o seu coidado e limpeza son unha das súas terapias.

Carlos adoita saír no kaiak desde o areal de Boa Chica, en Noia. No traxecto, ademais de practicar deporte, aproveita para recoller o lixo que atopa.

E é neste punto, onde ao seu reto de superación persoal se suma un novo que asegura Carlos está a ser un dos obstáculos máis difíciles de bater: o de acadar que os servizos de limpeza recollan os sacos que deixa pechados e amoreados neste punto.

Un reto polo que asegura Carlos que seguirá a loitar porque só así conseguirá facerlle fronte á súa enfermidade e á pandemia que provocan aqueles que empregan os areais, o mar e os espazos naturais para desfacerse do lixo. Unha pandemia que polo que ten comprobado neste areal non hai interese en erradicar.

 

 

 

 

Noticias web

18/06/2020