CRTVG

Buscar

PP, Vox e Cs piden a dimisión de Marlaska tras anularse o cesamento de Pérez de los Cobos

Publicado o 02/04/2021 14:46

A Audiencia Nacional obriga ao ministerio do Interior a restituir a Diego Pérez de los Cobos como xefe da Comandancia da Garda Civil en Madrid. Considera que o cesamento asinado polo ministro Fernando Grande-Marlaska en maio do ano pasado foi ilegal e que se debeu a que o coronel non accedeu a informalo das investigacións que o corpo levaba a cabo para o caso do 8-M.

Partido Popular e Ciudadanos piden a dimisión do ministro. En caso de non facelo, Inés Arrimadas esíxelle a Pedro Sánchez que o cese. "Xa non sei que ten que facer un ministro do Goberno para que Sánchez o cese. É intolerable, non podemos seguir nin un minuto máis cun ministro que purga ideolóxicamente a servidores públicos cando se negan a incumprir a lei", declaraba a líder de Ciudadanos á prensa.

Vox tamén presentou unha querela no Tribunal Supremo contra o ministro, ao que acusa de obstrución á xustiza, represalias e prevaricación. Pola súa parte, o Goberno xa anunciou que vai recurrir a sentenza da Audiencia Nacional a través da Avogacía do Estado.

Noticias web

02/04/2021