CRTVG

Buscar

PP e Vox reuniranse o martes para desbloquear a investidura de Moreno

Publicado o 04/01/2019 21:25

O secretario xeral do Partido Popular falou durante vinte minutos este venres co secretario xeral de Vox. Quedaron es retomar as conversas o próximo martes para lograr un acordo que permita a investidura de Juanma Moreno en Andalucía. Desde o PP sinalan que nesta conversación García Egea e Ortega Smith non falaron sobre violencia de xénero e iso que esta é a esixencia de Vox. Os populares, sen modificar o pactado con Ciudadanos, ofrecen agora ampliar a lei para que poidan percibir axudas todas as vítimas de malos tratos no ámbito doméstico, incluíndo así os homes pero sen renunciar a un só euro para as mulleres.

"O PP respecta que un partido diga parécenos moi ben que haxa medidas para protexer a muller que sofre malos tratos no seu fogar igual que tamén queremos que se protexa os nenos e os anciáns que sendo varóns tamén sofren violencia por parte de familiares ou por parte de coidadores. Iso é o que estamos dicindo que se protexa as vítimas independentemente do sexo e independentemente da súa idade", di Pablo Casado, presidente do PP.

O líder de Vox valorou como un bo comezo esta proposta do PP E, despois da conversa desta tarde con García Egea, o secretario xeral de Vox, ortega Smith, aseguraba que a súa formación mantén a vontade de facilitar o cambio en Andalucía e que a reunión do próximo martes é un paso importante. Desde Vox emprazan ademais a que a ese encontro vaia Ciudadanos. Pero desde o partido de Rivera, aseguran que non teñen nada que negociar coa formación de extrema dereita , e engaden que o acordo co PP está pechado.

"O acordo de medidas, agora mesmo, é intocable. É o acordo que subscribirían os andaluces se poideran subscribilo de forma directa. Polo tanto, ese é o acordo co que se vai gobernar Andalucía se finalmente sae adiante. Nós esperamos que sexa así. E a violencia contra as mulleres é algo co que non se vai xogar", di Begoña Villacís desde Ciudadanos.

E sobre a estrutura do goberno de Andalucia, PP e Ciudadanos acordaron reducir o número de consellerías e de delegados territoriais nas oito provincias.

Noticias web

04/01/2019