CRTVG

Buscar

PP e C's só conflúen en Navarra Suma, e Más País presenta candidaturas en 18 provincias

Publicado o 01/10/2019 10:13

A negativa de Albert Rivera impediu finalmente a concorrencia dunha coalición conservadora ás xerais do 10 de Novembro. Non haberá papeleta de España Suma, aínda que PP, C's e UPN si concorrerán unidos en Navarra.

Onte remataba o prazo para rexistrar coalicións electorais e clarificáronse xa as alianzas de Unidas Podemos e tamén do partido de Errejón, que rexistrou candidaturas para 18 provincias.

Más País rexistrou coalicións en 17 provincias, entre elas A Coruña e Pontevedra en alianza con Equo. E opta por presentarse en solitario en Barcelona. Concorre en alianza coa Chunta Aragonesista, e como Mes Compromís, en Valencia.

O voceiro de Equo no Congreso, López de Uralde, queda en Unidas Podemos, e finalmente Teresa Rodríguez perde o pulso para a candidatura de Adelante Andalucía: a papeleta será de Podemos.

En Galicia, a coalición cos de Iglesias volve levar a marca Galicia en Común.

Onte, desde a dirección de Podemos chamaban a todas as forzas de esquerda a un gran pacto co PSOE e con Errejón tralo 10 de novembro.

"A partir do 11 de novembro imos ser moitos actores políticos, que nos imos ter que poñer dacordo. Partamos da base de que propón cada un para que nos poidamos entender. Nós imos propoñer o que consideramos a mellor opción. Un Goberno amplo de coalición progresista para reverter a situación económica que se nos ven enriba", afirmou Noelia Vera.

Ciudadanos rexeitou a coalición España Suma e apenas abordou o asunto das listaxes na rolda de prensa posterior á reunión da Executiva. Anunciaron que correndo listas tralas dimisións, as candidaturas serán as mesmas que o 28 de abril.

"Exactamente as mesmas que na anterior convocatoria, isto é algo que xa contempla o nosos regulamento de primarias e polo tanto as listaxes van ser as mesmas", dixo Lorena Roldán.

No Partido Popular, que onte celebrou simbolicamente a reunión da súa Executiva en Barcelona, lamentan que Ciudadanos puxese por diante as siglas a España. García Egea a dixo que os populares son a única forza que pode obter un escano máis que Sánchez. 

"Hoxe temos que conseguir un escano máis ca o PSOE para ser esa alternativa ao desgoberno que sofre España e Cataluña, e niso nos imos empeñar: a partir de agora e ata o 10 de novembro haberá unha alternativa", engadiu o secretario xeral dos populares.

O PSOE presentou e explicou onte o seu no lema de precampaña.

"Somos o socialismo democrático, a socialdemocracia, a esquerda de goberno, a forza transformadora que máis fixo por modernizar o noso país. Somos a esquerda que nin entrega nin se avergoña xamais da palabra España", argumentou o líders do PSOE.

Sánchez afirma que eles son aposta por un goberno estable, que garanta xustiza social ante desafíos coma o brexit, o cambio climático ou a dixitalización da economía.

"Para sacar a España -dixo- do caleixón sen saída en que o meteu a dereita".

Noticias web

01/10/2019