CRTVG

Buscar

PP e Cs asinan o acordo de coalición no País Vasco malia o rexeitamento de Alonso

Publicado o 21/02/2020 18:01
PP e Cs asinan o acordo de coalición no País Vasco malia o rexeitamento de Alonso

O secretario xeral do PP, Teodoro García Egea, e o vicesecretario xeral de Cs, Carlos Cuadrado, asinaron esta tarde o acordo para concorrer en coalición ás eleccións vascas do 5 de abril, a pesar do rexeitamento manifestado polo presidente dos populares vascos, Alfonso Alonso.

A coalición preséntase aos comicios baixo o nome de PP + Cs, segundo informan ambas as formacións nun comunicado en que destacan "como obxectivo capital a unión do espazo constitucionalista no País Vasco e o fortalecemento da unidade, a igualdade e a liberdade”. A firma deste acordo prodúcese a pesar de que Alfonso Alonso comunicou á dirección nacional do seu partido que non estaba disposto a asinar o acordo electoral con Ciudadanos para as eleccións vascas, cuxo contido coñeceu pola prensa e que ademais non comparte.

O acordo garante dous postos de saída nas listas para a formación laranxa e indica que o PP será quen designe o candidato a lehendakari, sen mencionar a Alfonso Alonso. Ademais, o acordo establece "o compromiso de respectar os réximes forais dos territorios de Áraba, Guipúscoa e Biscaia" e "a aceptación do concerto económico vasco", pero reclamando que o cálculo da cota se faga con "máxima transparencia e respectando a solidariedade entre todos os españois"

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/02/2020