CRTVG

Buscar

PP e Ciudadanos intentan frear a aplicación do decreto lei do permiso de paternidade

Publicado o 13/03/2019 20:37

Ciudadanos e o PP moven ficha contra os decretos lei aprobados polo Goberno nos chamados venres sociais. Os populares anuncian que os recorrerán ante o Tribunal Constitucional, ao considerar que non son medidas urxentes nin extraordinarias. Ciudadanos pon o foco na ampliación do permiso de paternidade, que está previsto que entre en vigor o 1 de abril. Intentan parala ao considerala inconstitucional.

Ciudadanos solicitou este mércores un informe xurídico do Congreso para determinar se o decreto lei que amplía o permiso de paternidade é constitucional, algo que cuestionan porque, din, modificaría unha lei orgánica. Do que digan nas próximas horas os letrados do Parlamento dependerá que poida entrar en vigor o 1 de abril, tal e como está previsto, ou se pare a súa tramitación.

Ignacio Prendes, Ciudadanos: "Queremos saber se o Goberno se está excedendo. Cremos que estamos ante unha inconstitucionalidade clara dese real decreto".

O Partido Popular sumouse á petición de Ciudadanos. É o primeiro paso en firme dos dous partidos para frear a tramitación dos catro decretos lei aprobados polo Goberno de Pedro Sánchez desde que se convocaron as eleccións. Os populares avanzan que os recorrerán ante o Tribunal Constitucional.

Pablo Casado, PP: "En España non se pode gobernar como a un lle sae dos decretos. En España gobérnase con división de poderes, e o executivo ten que pasar polo lexislativo para aprobar leis. O que non pode ser é que o Goberno pretenda facer en 8 semanas o que non puido facer en 8 meses".

Desde o PSOE consideran grave e irresponsable a actitude de PP e Ciudadanos.

Rafael Simancas, PSOE: "PP e Ciudadanos non poden evitar que estes reais decretos lei se sometan á convalidación da deputación permanente. Non poden facelo. Mañá hai unha nova reunión da Mesa do Congreso e deberán rectificar, porque se non o fan cometerán un delito de prevaricación".

Os socialistas acusan os dous partidos de usar a Mesa do Congreso de maneira fraudulenta e partidista.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/03/2019