CRTVG

Buscar

PP e Ciudadanos ultiman a estrutura de goberno da Junta de Andalucía

Publicado o 07/01/2019 21:22

Ciudadanos e PP teñen practicamente acordada a estrutura do novo goberno da Junta de Andalucía, só lles quedarían pequenos flocos. Juanma Moreno sería o presidente e Juan Marín o vicepresidente. Os populares xestionarían ademais Facenda, Sanidade, Agricultura, Administracións Públicas. E Ciudadanos asumiría as competencias de Economía, Emprego, Educación, Igualdade e Rexeneración Democrática.

Pero este acordo de goberno só se materializará co apoio dos doce deputados de Vox. E o tempo bótase enriba. O xoves, a presidenta do Parlamento andaluz inicia a rolda de consultas e cada grupo debe propor un candidato. Os socialistas insisten en que Susana Díaz está lexitimada para presentarse á investidura porque foi a lista máis votada. Así, o PP carga a presión sobre Vox.

"A última esperanza que ten hoxe Susana Díaz para seguir á fronte da Junta de Andalucía chámase Vox. Ela vai facer todo o posible por boicotear este pacto", di Teodoro García Egea, secretario xeral do PP.

Este martes, o secretario xeral do PP reunirase co seu homólogo de Vox, Ortega Smith, na procura do seu apoio. En resposta á esixencia de Vox, García Egea xa amosou a disposición do seu partido a reformar a Lei de violencia de xénero, pero cunha advertencia: "Toda lei pode debaterse, pero non por Twitter, non nos estudios de televisión", asegura Teodoro García Egea, secretario xeral do PP.

Vox convidou á reunión deste martes a Ciudadanos, pero o partido de Rivera non ten previsto ir. O seu secretario xeral insiste en que non vai cambiar unha coma do acordo co PP para contentar a Vox. Villegas asegura que a formación de extrema dereita terá que decidir entre o goberno do cambio ou o bloqueo da situación.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/01/2019