CRTVG

Buscar

PP, Ciudadanos e Vox piden a suspensión inmediata dos parlamentarios presos

Publicado o 21/05/2019 20:34

A Mesa do Congreso reunirase este mércores por primeira vez cun asunto de trascendencia na axenda: terá que decidir se suspende das súas funcións os catro deputados cataláns que están en prisión preventiva. O mesmo sucede co senador Raül Romeva. A Mesa do Senado xa se reuniu este martes e non abordou aínda o tema.

A normativa das Cortes é clara en canto á suspensión dos parlamentarios presos, pero os prazos márcanos as mesas. O que está previsto é que tanto a do Congreso coma a do Senado soliciten un informe dos letrados antes de tomar a decisión. Tanto o PP como Ciudadanos consideran que non se pode atrasar, porque cren que o asunto é prioritario e urxente.

Pablo Casado, presidente do PP: "Que suspenda de inmediato das súas funcións estes deputados que están en prisión preventiva".

Albert Rivera, presidente de Ciudadanos: "Eu creo que é indigno para o pobo español que os que intentaron dar un golpe de Estado senten nun escano e cobren diñeiro público de todos os españois".

No Goberno en funcións din que só é cuestión de tempo, porque a suspensión é inevitable.

Carmen Calvo, vicepresidenta do Goberno en funcións: "É obvia, evidente. No regulamento do Congreso dos Deputados está recollido ese suposto".

Unidas Podemos defenderá o que di o regulamento da Cámara, pero cren que todos os deputados deberían poder exercer.

Pablo Iglesias, secretario xeral de Podemos: "Aínda non foron condenados a nada, o meu criterio político é que deberían poder exercer o seu labor parlamentario".

Moi pendentes da decisión están os nacionalistas cataláns, que advirten:

Pere Aragonés, ERC: "Suspender a quen gañou as eleccións en Cataluña sería suspender o resultado das eleccións".

Laura Borrás, Junts per Cataluña"Eles están convencidos de que a Mesa vai defender os seus dereitos como deputados".

A decisión terá consecuencias no funcionamento do Congreso. Se os catro parlamentarios presos son suspendidos pero non renuncian aos seu escanos, a maioría absoluta redúcese a 174 deputados, o que facilitaría a investidura de Pedro Sánchez.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/05/2019