CRTVG

Buscar

Poucos alumnos acudiron hoxe a clase en Galicia

Publicado o 13/03/2020 15:30

O cesamento das actividades lectivas e extraescolares en todos os niveis educativos será a partir do luns e durante catorce días. Unha medida no ámbito educativo que ten moito impacto no familiar. Por iso, o Goberno galego deixou este día para que os pais e nais puidesen organizarse. Con todo, as familias recibiron a mensaxe e, sobre todo, en infantil e primaria, deixaron os fillos na casa. Houbo un pouco máis de actividade en secundaria e bacharelato. Aquí, buscaban pechar cos profesores tarefas para esta corentena lectiva, en que se fomentará a actividade académica a distancia. As universidades suspenderon as clases desde hoxe mesmo. As bibliotecas universitarias reducen a capacidade nun terzo.

Poucos alumnos, pouco balbordo... É a hora do recreo e neste colexio de Santiago onde xogan cada día preto de cincocentos nenos hoxe había 60.

"Hoxe non pero a partir do luns si podemos organizarnos. Temos sorte de que a miña muller poida deixar de traballar por conciliación".

A imaxe repítese por toda Galicia e tamén os motivos. "A ver se nos podemos amañar. A ver se na empresa, eu supoño que si, nos permiten conciliar. "Eu a miña nai pero non sei, aínda non o sei".

Os pais asumen a medida. "Se é o que recomendan os expertos pois paréceme ben, claro".

E xa hai quen se prepara para un esforzo maior: "Catorce días ou este mes porque ao final imos facer ponte coa Semana Santa".

Houbo máis actividade en secundaria e bacharelato, onde preocupa a ABAU. Os profesores, din, seguirán traballando cos alumnos.

"Cada profesor decidiu mediante fichas, temos aula virtual".

Toca teleformación, tamén na Universidade, practicamente deserta esta mañá.

Noticias web

13/03/2020