CRTVG

Buscar

Poucas capturas de polbo e nécora na apertura da veda

Publicado o 02/07/2020 13:49

As capturas de polbo e nécora no primeiro día de campaña foron escasas segundo os mariñeiros. Na Illa de Arousa a nécora non acadou a cota permitida e a lonxa de Ribeira poxou 900 quilos de polbo cando nun día forte de campañas anteriores chegou ás catro toneladas. 

Mariñeiros da illa de Arousa que onte e hoxe saíron capturar polbo e nécora din que hai pouca cantidade das dúas especies con respecto ao ano pasado e a temporadas anteriores en xeral. O patrón de pesca Mingo Barbosa mesmo asegura que nos quince anos que leva saíndo ao mar nunca tivo un inicio de campaña con tan pouca nécora coma nesta.

"Vai bastante mal en comparación a outros anos. Moi pouca pesca. Os mariñeiros baseámonos nas estatísticas das primeiras semanas que traballamos. Non chegas ao cupo, se en dous días non chegas nin á cuarta parte do cupo, e polo que falan outros mariñeiros, parece que pinta mal", di Mingo Barbosa.

Malia todo, confía en que a pesca vaia mellorando nos próximos días e que os prezos axuden a compensar a mingua nas capturas.

"O polbo supoño e espero que teña bo prezo, e a nécora tamén, porque se hai pouca cantidade estímase que vaia con bo prezo", engade Barbosa.

Na lonxa de Ribeira, a que máis polbo comercializa, vendeuse onte a máis de dez euros o quilo. Pero tamén alí houbo pouca pesca, 900 quilos fronte a 4 toneladas que chegaron a contabilizar nas mellores poxas de temporadas pasadas. En calquera caso, consideran que hai que esperar uns días para valorar mellor a situación, porque non todas as embarcacións teñen as artes no mar na primeira xornada.


 

Noticias web

02/07/2020