Pouca celebración e unha chamada á reflexión no Día Internacional do Maior
Cun menú especial conmemoran hoxe o Día do Maior nesta residencia de Vila de Cruces. Con isto e con pouco máis, porque a pandemia deixa pouca marxe para celebracións.
Rocío Carbón, directora da Residencia de Maiores de Vila de Cruces: "Hoxe debería ser un día moi alegre e non o é pola situación da covid-19. É triste todo o que pasou cos maiores desde marzo ata agora mesmo. Temos que ter en conta que non se lles deu o trato máis axeitado".
Por iso, segundo nos din, é un bo día, para reflexionar sobre a protección, o coidado e as novas necesidades da poboación maior.
Rocío Carbón, directora da Residencia de Maiores de Vila de Cruces: "As residencias teñen que ser o último recurso. Poden potenciarse os servizos de axuda no fogar, os centros de día, unha conciencia diferente dentro das propias familias e, cando sexa necesario, entón si, ir a un centro de maiores".
Cando fai 30 anos de que a ONU estableceu o 1 de outubro como Día Internacional das Persoas de Idade, a institución propón como retos incrementar o acceso á saúde, ás pensiones e á protección social. Tamén quere recoñecer o labor dos traballadores sociais e sanitarios.