CRTVG

Buscar

O BNG coordina unha moción de censura contra Jácome sen contar cos seus edís díscolos

Publicado o 17/09/2020 12:10

O BNG convocou para esta mañá unha reunión cos voceiros dos grupos municipais da corporación de Ourense que votaron a prol da dimisión de Gonzalo Pérez Jácome a semana pasada. Foron daquela 24 votos de 26 posibles, todos agás o propio Jácome e o seu tenente alcalde Armando Ojea.

A idea é "volver á posición de saída" e "desaloxar" a Jácome da alcaldía, segundo explicaba a voceira nacional do BNG Ana Pontón. Propoñen no Bloque que goberne a lista máis votada, a dos socialistas, que conta con 9 dos 26 edís.

Todos os grupos, a excepción do PP, que gardou silencio, aceptaron o convite. Pola súa banda, Miguel Caride, cabeza visible dos díscolos de Democracia Ourensana, criticou non recibir ningunha invitación e lembrou que o pacto cos populares está suspenso, mais non roto.

Na reunión finalmente só estiveron Rafael Villarino do PSOE, José Araújo de Ciudadanos e Luís Seara do BNG. O PP non apareceu.

 

Noticias web

17/09/2020