Dan negativo os catro contactos estreitos do médico que deu positivo en Sanxenxo
Un médico de familia do centro de saúde de Baltar, no termo municipal de Sanxenxo (Pontevedra), deu positivo por COVID-19. Por esa razón, adoptáronse os protocolos correspondentes. Así o confirmaron fontes da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
En canto aos contactos estreitos do médico, identificáronse catro, que permanecen en corentena no seu domicilio e aos que se lles realizou unha proba PCR. Todas elas deron negativo.
Tamén se identificou a outras catro persoas que son contactos puntuais e sobre as que se está facendo un control por se aparecesen síntomas.
Ademais, sospeitan que o contaxio do sanitario púidose producir nunha comida familiar na que estiveron presentes dúas persoas procedentes de Madrid.
A área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés informou de que, tras o positivo deste médico de familia, que se coñeceu o mércores a última hora da tarde e segue sendo o único caso confirmado na súa contorna, fíxose a enquisa epidemiolóxica e dividiuse aos contactos en tres niveles, os do ámbito profesional, os do social e os familiares.
A lista de pacientes aos que o médico atendera de forma presencial facilitóuselle á central de seguimento de contactos, que se comunica a diario con eles para controlar se presentan síntomas.
O Servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra valora como "de risco baixo" a estes pacientes.
Ademais, onte xoves, antes de comezar a actividade asistencial no centro de Baltar no que traballa o médico que deu positivo, fíxose "unha limpeza e desinfección en profundidade de todos os locais".
A área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés continúa coa vixilancia epidemiolóxica, indicou.