CRTVG

Buscar

Portugal declara a situación de alerta polos incendios

Publicado o 26/03/2019 23:42

Dadas as previsións meteorolóxicas, Portugal decidiu declarar a situación de alerta especial en todo o país. O Goberno acordou poñer en marcha unha serie de medidas excepcionais, como a prohibición de realizar queimas e mobilizar máis medios contra os incendios. A situación de alerta abrangue o período comprendido desde este mércores ao próximo 31 de marzo.

A autovía que conecta Tomiño co Porto estivo hoxe cortada nalgúns tramos e, aínda que non hai gran perigo, o lume achegouse ás casas. Un dos incendios que máis preocupa está en Esposende, a 50 quilómetros da fronteira con Galicia. Os colexios tiveron que ser evacuados por precaución e en case todas as estradas hai algún corte de tráfico.

En Portugal cortaron a A-28, a autoestrada que une Galicia co Porto. As altas temperaturas destes días no país elevaron o risco de incendios en 21 distritos. No Porto alcanzáronse os 28 graos a pasada fin de semana. Aínda que a calor e o vento foron máis intensos no sur do país, no norte, nas últimas horas, tamén aumentou o nivel de risco. Agora mesmo hai outro incendio en Oliveira de Azeméis, no distrito de Aveiro, entre O Porto e Coímbra, que ameaza as vivendas. 180 bombeiros concentran nesta área os seus esforzos. Temen que a situación empeore nas vindeiras horas.


 

Noticias web

26/03/2019