CRTVG

Buscar

Portugal segue libre de mortes polo COVID-19, pero prepárase para a aparición de máis positivos

Publicado o 11/03/2020 15:32

• Última feira en Valença do Minho ata novo aviso

En Portugal teñen 58 casos detectados a estas horas pero anuncian que é cuestión de horas ou días que aparezan moitos máis positivos. 

Os propios alcaldes das dúas vilas máis afectadas, Lousada e esta de Felgueiras, denunciaron ante a comisión de seguimento do Covid-19 en Portugal que saben de veciños das súas vilas que non están gardando a corentena imposta polo Departamento de Saúde.

Hoxe a propia ministra de Sanidade advertiu que estas persoas se enfrontarían a penas de ata 5 anos de cárcere acusados de propagación de enfermidade. A ministra tamén explicou que, polo de agora, en Portugal o virus se está estendendo un pouco máis lento que no resto de países veciños, de feito non houbo mortes con coronavirus, pero que agardan que haxa un aumento salientable nos vindeiros días.

Esta tarde, o Consello Nacional de Saúde pública vai decidir e comunicar as vindeiras medidas a tomar, entre elas a de adiantar as vacacións de Semana Santa e pechar centos de centros escolares por todo o país. Mentres aquí, na zona máis afectada polo COVID-19, a vida transcorre con normalidade e atopamos certas incoherencias como que por orde municipal todos  edificios públicos están pechados, pero hoxe mesmo puidemos comprobar de primeira man que se podía entrar na casa do concello sen problemas onde había máis veciños facendo trámites.

O Porto pechou museos, teatros e piscinas municipais, e cancelou visitas a hospitais e cárceres, e en Braga suspendéronse as procesións de Semana Santa. O Consello Nacional de Saúde Pública reúnese esta tarde para decidir se insta o Executivo de Costa a tomar medidas adicionais para frear o coronavirus, que suma 59 casos no país.

As relacións de Galicia con Portugal levan a un movemento constante de poboación na fronteira. O tránsito de persoas de ambos países nas localidades transfronteirizas é continuo.

Ás veces por viaxes de ocio, pero en moitos dos casos o que obriga a cruzar a fronteira é o traballo. Polo momento, nesta zona o impacto do coronavirus está controlado e a situación é de tranquilidade.

De feito, hoxe mércores celébrase a tradicional feira na localidade fronteiriza de Valença do Minho. Pero, iso si, vai ser a última por tempo indefinido.

Menos público do habitual na última feira que se celebra no norte de Portugal e moita preocupación entre os 300 comerciantes aquí presentes e afectados, directamente, por esta suspensión preventiva e indefinida que pactaron os municipios do norte.

O alcalde de Valença anuncia medidas compensatorias para os empresarios afectados neste período exepcional que ten por obxecto manter a zona libre de contaxios coa vista posta na Semana Santa.

A cancelación de eventos, festas, actividades deportivas e mercados está vixente nos dez municipios da subrrexión do Alto Miño.

Noticias web

11/03/2020