Portugal rexistra un novo máximo diario de falecidos por coronavirus
No país veciño bateron marcas nas últimas horas, tanto en número de mortos como de hospitalizacións por coronavirus. A presión nos hospitais é preocupante sobre todo no norte do país.
Para que se fagan unha idea, no norte hai aproximadamente 1.000 casos por cada 100.000 habitantes. En España houbo comunidades que se pecharon coa metade.
Nas últimas 24 horas rexistráronse 63 falecidos en Portugal, o máximo da pandemia, e tamén están en máximos os hospitalizados.
O sindicato de enfermeiros denunciou esta mañá que xa están no límite e o hospital de Santo Antonio no Porto hai días que deriva os doentes a outros centros porque está colapsado.
Está dando moito que falar tamén o caso dun cárcere de mulleres en Lisboa en que a metade das internas deron positivo nun cribado. Son 150 de 300.
Por outra banda, esta noite pasada foi a primeira de toque de queda e a policía fixo o anunciado. Patrullou as rúas mandando os viandantes e condutores á casa.