CRTVG

Buscar

Portugal rexistra o primeiro caso de coronavirus

Publicado o 02/03/2020 12:03
Portugal rexistra o primeiro caso de coronavirus

O Goberno portugués confirmou hoxe o primeiro caso de infectado por coronavirus no país, un home que estivo no norte de Italia de vacacións.

Ademais, outro home que viaxou recentemente a España por traballo deu positivo nunha primeira análise e espérase o resultado dunha nova proba para confirmar o seu diagnóstico.

Os dous homes, de nacionalidade portuguesa, atópanse ingresados en senllos hospitais do Porto, no norte do país, e o seu estado é "estable", segundo informou en conferencia de prensa a ministra de Saúde lusa, Marta Temido.

Trátase da primeira confirmación de coronavirus en Portugal, que xa anunciara que dous dos seus cidadáns deran positivo para o virus a bordo do cruceiro Diamond Princess, amarrado ao sur de Toquio.