CRTVG

Buscar

Portugal retrocede: prohibido circular das 23 ás 5 en Lisboa e no Porto

Publicado o 01/07/2021 20:54

Un total de 45 concellos portugueses, entre eles os do Porto e Lisboa, deron un paso atrás ante o aumento de contaxios da covid−19 e por tanto nestas comarcas estará prohibido circular polas rúas a partir de mañá entre as 23 e as 5 horas. A medida foi aprobada hoxe polo Consello de Ministros de Portugal.

"A situación é grave", dixo hoxe a ministra de Estado e Presidencia de Portugal, Mariana Vieira dá Silva, na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros, aínda que non está descontrolada, matizou.

Dos 278 concellos do país, 19 atópanse en risco moi elevado (máis de 240 positivos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días), entre eles figuran Lisboa ou Cascais, e 26 en risco elevado (máis de 120), entre eles O Porto, Braga ou Faro.

Nos 45 concellos de maior incidencia, o teletraballo volve ser obrigatorio e os espectáculos culturais pecharán ás 22:30 horas. As cafetarías e restaurantes pecharán ás 22:30 horas, aínda que nos 19 concellos de risco moi elevado o farán ás 15:30 horas as fins de semana e festivos.

A relaxación das medidas, as festas, a gran transmisión da variante delta, o turismo estranxeiro e eventos futbolísticos favoreceron a expansión do virus no último mes e medio en Portugal. Por ese motivo, a situación complicouse, de forma especial, na área metropolitana de Lisboa.

Neste sentido, Vieira da Silva avanzou tamén que os 18 municipios da área Metropolitana de Lisboa volverán blindarse durante a fin de semana, desde as 15 horas do venres ata as 6 horas do luns, e non poderá entrar nin saír ninguén, salvo casos excepcionais.

Segundo a ministra de Presidencia, a incidencia a 14 días é de 176 en todo o país e a Rt., que mide as persoas que contaxia cada infectado, é de 1,15. Desde que estalou a pandemia, Portugal notificou 882.006 infeccións e 17.101 falecementos.

O número de hospitalizados continúa á alza, con 509 ingresados (cinco máis que onte), dos que 113 (sete menos) atópanse en coidados intensivos. O Algarve, a rexión máis turística do sur do país, segue aumentando a incidencia, motivada, sobre todo, polos casos importados por turistas estranxeiros e as festas.

A vacina posibilitou que a taxa de mortalidade sexa moi inferior á da terceira vaga (xaneiro-marzo), xa que ata hoxe foron vacinadas coa dose completa 3.158.425 persoas, o 32,2 % da poboación. Ademais, 2.254.615 portugueses xa foron inoculados cunha dose da vacina contra a covid−19. 

Noticias web

01/07/2021