CRTVG

Buscar

Portugal restrinxe a mobilidade durante a ponte de Todos os Santos

Publicado o 28/10/2020 21:17

Portugal bateu un novo récord de contaxios dende o inicio da pandemia, e prepárase para novas restricións. Dende hoxe xa é obrigatorio o uso da máscara pola rúa, e ademais durante a ponte de Todos os Santos haberá restricións especiais á mobilidade que tamén afectarán os galegos.

Dende as doce da noite do próximo venres ata as seis da madrugada do mércores 3 de novembro os portugueses non poderán saír dos concellos onde residen agás causa xustificada.

Os estranxeiros non poderán desprazarse ata o país veciño para pasar o día, como fan moitos galegos as fins de semana.

Curiosamente aos foráneos si lles deixarán circular por Portugal para chegar ata un hotel ou aloxamento turístico, se acreditan que teñen unha reserva, cousa que non lles permitirán aos propios portugueses.

Portugal ten declarado o estado de calamidade, que impide xuntanzas de máis de cinco persoas e limita horarios comerciais.

Espérase que o Goberno adopte novas restricións este sábado nunha reunión extraordinaria que convocaron ante o aumento dos casos.

Noticias web

28/10/2020