CRTVG

Buscar

Portugal prorroga o estado de emerxencia ata o 7 de xaneiro

Publicado o 17/12/2020 18:26

 O Parlamento portugués aprobou hoxe unha nova prórroga do estado de emerxencia, o nivel de alerta máis alto do país, ata o 7 de xaneiro, coa novidade de que a declaración clarifica que quen non cumpra as restricións incorrerá nun delito de desobediencia.

O decreto do presidente, Marcelo Rebelo de Sousa, foi aprobado cos votos a favor dos dous maiores partidos do hemiciclo, o gobernante socialista e o socialdemócrata (centrodereita), así como dunha deputada non rexistrada, e a abstención doutros grupos menores.

A prórroga é por 15 días, do 24 de decembro ao 7 de xaneiro, xa que a Constitución portuguesa non permite renovacións por un período superior, e dará cobertura legal ás restricións previstas para Nadal. Aínda que o Goberno anunciará este venres se hai cambios respecto ao plan establecido, en principio Portugal permitirá os desprazamentos e as reunións familiares nas datas de Noiteboa e Nadal, cunha relaxación do toque de queda.

Para fin de ano haberá menos liberdades, xa que, aínda que tamén se atrasa o toque de queda, pecharase a mobilidade entre municipios para desprazamentos que non estean xustificados. O contido do decreto presidencial aprobado este xoves é similar respecto ás declaracións anteriores, cunha excepción: establece que quen incumpra as restricións impostas comete un delito de desobediencia. Este matiz pretende disipar as dúbidas despois de que varias decisións xudiciais deran a razón a cidadáns que incumpriran as normas.

Actualmente, aplícanse restricións aos municipios cunha incidencia a 14 días superior aos 240 casos por 100.000 habitantes, con toque de queda entre as 23.00 e as 05.00 horas. Nas localidades que superan os 480 casos de incidencia, onde se inclúen Lisboa e O Porto, as fins de semana endurécese o toque de queda, que abarca desde as 13.00 ata as 05.00 horas do día seguinte.

Portugal, que notificou 4.320 infeccións nas últimas 24 horas, superou o pico de contaxios da segunda onda, pero mantén cifras elevadas de mortes, 87 no último balance. Desde marzo, o país rexistrou 362.616 casos positivos e 5.902 falecementos. 

Noticias web

17/12/2020