Portugal iniciará no tramo Braga-Galicia o seu proxecto de alta velocidade
O presidente da Xunta reuniuse co primeiro ministro de Portugal. Con este encontro con António Costa, Alberto Núñez Feijóo pon fin á súa visita institucional a Lisboa, onde foi recibido polas dúas máximas autoridades do país: o primeiro ministro e o presidente da República portuguesa.
Os temas centrais deses encontros foron o AVE, o Xacobeo e a cooperación transfronteiriza. E desa cooperación Alberto Núñez Feijóo destaca o que ten que ver co desenvolvemento das infraestruturas. O presidente da Xunta di que a reunión co António Costa pagou a pena só pola confirmación do Goberno portugués de que vai priorizar o AVE a Galicia nos investimentos con fondos europeos.
Portugal prevé dedicar 900 millóns de euros para unir Braga coa fronteira con alta velocidade. Feijóo pídelle ao Goberno español que aposte, como o país veciño, pola conexión do AVE entre Vigo e a fronteira.
Alberto Núñez Feijóo e António Costa coinciden en que cómpre avanzar para que Vigo e Lisboa estean conectados a tres horas en tren. O presidente da Xunta destaca que o goberno portugués materialice esa aposta nos investimentos con fondos europeos.
O presidente da Xunta tamén defendeu ante Costa como pode axudar á reactivación económica aproveitar os fondos Next Generation para facer proxectos conxuntos nos sectores da enerxías renovables e sobre todo da automoción.
Feijóo tamén convidou o primeiro ministro portugués a visitar Galicia durante este dobre Ano Santo, como fixo horas antes co presidente da República. Marcelo Rebelo de Sousa comprometeuse a facer unha etapa do Camiño este mesmo mes de agosto.