Portugal supera o medio millón de casos con récords de contaxios e mortes
Portugal, onde o Goberno aprobará hoxe un novo confinamento xeral, superou este mércores o medio millón de casos, nunha xornada na que se notificaron 10.556 contaxios e 156 falecidos por covid-19, novos máximos de toda a pandemia.
Segundo o último balance da Dirección Xeral de Saúde (DGS), desde marzo rexistráronse 507.108 casos e 8.236 mortos no país, que ten uns 10 millóns de habitantes. Desde que fai seis días superou a marca do centenar de falecidos diarios, as cifras de mortos en Portugal mantivéronse por encima desa barreira, ata alcanzar o máximo de 156 este mércores.
A terceira onda segue aumentando a presión sobre os hospitais, onde o número de ingresados non deixou de crecer desde que empezou 2021. Este mércores hai 4.240 pacientes hospitalizados por covid-19 (197 máis ca onte), 596 deles en unidades de coidados intensivos (tres menos).
Por agora, as autoridades non apuntaron se as elevadas cifras das últimas semanas teñen algunha relación coa entrada en Portugal da variante británica, da que se identificaron un total de 72 casos en todo o país, incluídas as illas de Madeira e Os Azores.
Pero a severidade da terceira onda xa levou ao Goberno para preparar un novo confinamento xeral, similar ao de primavera, que se alongará durante un mes. As medidas concretas aprobaranse este mércores en Consello de Ministros, aínda que se espera un peche de gran parte do comercio e os servizos e que a restauración opere só con entregas a domicilio e recollidas no local.
O decreto recolle a posibilidade de facer controis na fronteira, o que non significa o peche, pero si será legal, por exemplo, tomar a temperatura aos traballadores galegos ao entraren no país.
As escolas permanecerán abertas, polo menos para os alumnos menores de 12 anos. Para poder avanzar con este confinamento, o Parlamento portugués deu hoxe luz verde a unha nova prórroga do estado de emerxencia, o nivel de alerta máis alto do país, ata o 30 de xaneiro.
A renovación da emerxencia xa foi decretada formalmente polo presidente, Marcelo Rebelo de Sousa, que estes días axitou a situación do país tras dar un positivo nunha PCR e dous negativos en idénticas probas por covid en pouco máis de 24 horas.