CRTVG

Buscar

Portugal estende os controis na fronteira con España ata o 15 de maio

Publicado o 13/04/2020 22:55
Portugal estende os controis na fronteira con España ata o 15 de maio

O Goberno de Portugal decidiu prolongar ata o 15 de maio os controis fronteirizos con España, reinstalados o pasado 17 de marzo inicialmente por un mes, debido á pandemia da COVID-19. O ministro portugués de Administración Interna, Eduardo Cabrita, explicou en rolda de prensa que o paso dun lado a outro da fronteira seguirá limitado a nove puntos e pechado a desprazamentos que non sexan transporte de mercadorías ou de traballadores transnacionais. O Executivo de España xa decidira recentemente estender os controis nas súas fronteiras ata o 25 de abril.

Desde o 17 de marzo, só se permite o tráfico de mercadorías, de traballadores transfronteirizos, de cidadáns nacionais ou residentes que queiran regresar ao seu país, persoal diplomático, casos de reunión familiar en zonas limítrofes, acceso a coidados sanitarios xustificados e saída de estranxeiros que residan noutros países da Unión Europea. Ademais, as conexións aéreas, ferroviarias e fluviais entre os dous países están suspendidas.

Portugal suma case 17.000 contaxiados pola COVID-19 desde o inicio da pandemia, que causou no país 535 mortos.

Noticias web

13/04/2020