Portugal esixirá test ou certificado dixital nos hoteis e nalgúns restaurantes
Portugal esixirá desde mañá un test negativo ou o certificado dixital de vacinación para todos os que se aloxen en calquera hotel do país. Será necesario mostrar estas probas durante a fin de semana nos restaurantes das zonas do país, con incidencia de máis de 120 casos. A medida só se aplicará nos interiores, non será necesaria para estar nas terrazas.
A maior parte dos hoteis do norte de Portugal aínda están planificando como van aplicar as novas normas anunciadas polo Goberno luso. Nos hoteis de Monçao estaban espareanzados coas reservas que estaban a recibir, sen embargo as novas normas preocúpanlles.
En Portugal os test de antíxenos véndense nas farmacias. Moitos dos hoteis do norte de portugal aínda non teñen claro cómo van poñer en marcha estas normas, e están á espera de recibir máis información. Lamentan que no caso dos aloxamentos se apliquen as mesmas medidas en todo o pais, mesmo cando no norte non están en risco elevado.
A medida foi adoptada no Consello de Ministros celebrado este xoves debido ao incremento de casos de covid-19, que situaron en 27 as comarcas en risco elevado (máis de 120 casos por 100.000 habitantes en 14 días) e en 33 as comarcas en risco moi elevado (máis de 240 casos). A ministra de Presidencia de Portugal Mariana Vieira da Silva informou de que a medida de presentar tests negativos ou o certificado dixital nos hoteis tamén rexerá para os turistas estranxeiros.
Os únicos que non terán que presentar ningún test serán os menores de 12 anos e os propios empregados. O test, que poderá ser adquiridos nos supermercados portugueses, poderano facer os que se aloxen no hotel no mesmo momento de formalizar o ingreso.
A cuarta vaga agravouse en Portugal durante a última semana e os casos disparáronse unha media diaria do 54 %, segundo Vieira da Silva. Hai 27 comarcas do país con incidencia a 14 días por cada 100.000 habitantes de máis de 120 casos, mentres que en risco moi elevado (máis de 240 casos) xa hai 33 comarcas. Nestas 60 comarcas, o acceso aos restaurantes (abertos ata as 22:30 horas) desde a tarde do venres e durante a fin de semana só será posible presentando o certificado dixital COVID ou cun test negativo. Durante o resto da semana, non será necesario presentar ningunha documentación para o acceso aos restaurantes destas zonas do país con maior incidencia.
O toque de recollida imposto a pasada semana en todo o país entre as 23:00 e as 5:00 horas continuará vixente durante toda a semana, segundo confirmou o Goberno luso. Con todo, xa non estará restrinxida a entrada e saída en Lisboa desde as 15:30 horas do venres ás 5:00 horas do luns.
Nas 60 comarcas do país máis afectadas, entre elas, Lisboa e O Porto, o teletraballo volve ser obrigatorio e os espectáculos culturais pecharán ás 22:30 horas. As cafeterías e restaurantes pecharán ás 22:30 horas en todo o país.