CRTVG

Buscar

Portugal entra na última fase de desconfinamento, agás a área metropolitana de Lisboa

Publicado o 01/06/2020 18:19

As repuntas impiden que hoxe a rexión de Lisboa, en Portugal, pase á terceira e última fase de desconfinamento.

Hoxe todo Portugal remata o confinamento, pero os case 2 millóns de persoas da área de Lisboa non pasan completamente de fase a causa de varios brotes detectados a semana pasada e que fixeron encadear 4 días consecutivos de subida nos casos de Covid-19 co 90% de novos positivos do país localizados só na capital, o 90%.

Algúns destes brotes iniciáronse en festas multitudinarias entre mozos, de feito a maioría dos positivos teñen entre 20 e 30 anos e esta fin de semana o presidente da República pediulles aos máis novos responsabilidade. Polo outro lado, como dicía, hoxe Portugal case entra xa na nova normalidade. A metade dos nenos de preescolar volveron ás aulas e abriron museos, teatros, cines, centros de atención ao cidadán e tamén os centros comerciais. 

Italia suma 60 mortos con coronavirus en 24 horas e achégase aos 33.500

Italia suma 60 novos falecidos nas últimas 24 horas, o que eleva a cifra de mortos con coronavirus ata os 33.475 desde que se iniciou a emerxencia no país, o 21 de febreiro, segundo os últimos datos oficiais de Protección Civil publicados hoxe.

Respecto do domingo, rexistráronse 178 novos contaxios, case un terzo na rexión de Lombardía, e son xa 233.197 casos totais desde febreiro.

Nas últimas 24 horas curáronse 848 persoas e reduciuse o número de actuais enfermos en 708, ata os 41.367 pacientes.

O Reino Unido supera os 39.000 mortos por Covid-19 ao sumar 111 novos falecementos

O Reino Unido comunicou hoxe 111 novos mortos por Covid-19, o que sitúa o total en 39.045 falecidos confirmados polos tests en hospitais, residencias e domicilios desde o inicio da pandemia.

Ademais, o Ministerio de Saúde británico informou de 1.570 novos contaxios nunha xornada na que as escolas primarias reabriron en Inglaterra, a pesar das advertencias dalgúns científicos, que consideraban prematura a desescalada.

Tanto o número de falecidos diarios como o de novos infectados é o máis baixo desde finais de marzo.

Francia rexistra 31 novas mortes a véspera dunha nova fase de desescalada

Francia rexistrou nas últimas 24 horas, véspera do inicio da segunda fase de desescalada, 31 novas mortes por coronavirus en hospitais, o que eleva a cifra de falecementos no país desde o inicio da epidemia ata os 28.833.

Dese total, contabilizado desde o pasado 1 de marzo, 18.506 producíronse en hospitais e o resto en residencias de anciáns e centros de dependencia, indicou nun comunicado a Dirección Xeral de Sanidade, que non actualiza os datos de xeriátricos desde o pasado venres.

A día de hoxe, 14.288 persoas atópanse hospitalizadas por Covid-19; 1.302 delas en unidades de coidados intensivos, onde o saldo neto entre ingresos e altas mantense en negativo, con 17 pacientes menos nun día.

Francia iniciará a segunda fase da súa desescalada mañá, martes, cando poderán reabrir bares e restaurantes e os cidadáns recuperarán a liberdade de desprazarse dentro das fronteiras nacionais sen restricións, entre outras medidas. 

Noticias web

01/06/2020