CRTVG

Buscar

Portugal empata ante México na Copa Confederacións

Publicado o 19/06/2017 15:00

Pola súa banda, Chile gañou o seu encontro ante Camerún por 0-2

Portugal empata ante México na Copa Confederacións

Comezou a Copa das Confederacións e a tecnoloxía volve facer acto de presenza. A videoarbitraxe non falla... Puidémolo comprobar no Rusia-México. Nani marca un gol. Incertidume no seu xesto. O gol non foi legal. Estaba en posición adiantada. E no Camerún-Chile, o árbitro tamén botou man da tecnoloxía para comprobar se o gol de Vargas era ou non válido. Chile comezou con vitoria. Portugal tivo que conformarse cun empate. 

Lonxe da vaga de calor continental, no estadio do Spartak foi Eduardo Vargas quen quentou a madeira nun primeiro aviso de gol de Chile. Xa na estremeira do descanso un pase de Vidal a Vargas acaba co remate en punta e hora do xogador dos Tigres mexicanos. O árbitro dubida, pide VAR e anula. Xogando peor na segunda parte si valeron os goles suramericanos: primeiro o de Arturo Vidal no cero a un; nun pase de Alexis Sánchez ao que Vidal acompaña cun impoñente salto sobre a defensa das gacelas africanas, e cun golpeo de pelota perfecto que amorra o balón na rede. Con mais espazos, Chile acabou matando o encontro noutra xogada de VAR. O gol foi anulado, en primeira instancia, atribuíndo fóra de xogo a Alexis Sánchez na arrancada dunha xogada na que sería finalmente, tras rectificación electrónica, Vargas quen pechou o cero a dous.

Máis igualada foi a confronta de Portugal a remolque de Cristiano e diante de México. Cuaresma recibe de Ronaldo e deixa sentado ao porterio méxicano nunha xogada na que todo o mérito foi para o xogador do Madrid levándose con el a media defensa. Era o un a cero. A tres minutos do descanso Chicharito restablece o equilibrio rematando por diante de Pepe un balón que Vela colga, de primeiras, sobre a zona de perigo máximo tirando proveito dun erro brutal de Guerreiro. Portugal volve desequilibrar a cinco minutos do final: Cédric Soares aproveita un balón que aboiaba na área e bate a Ochoa sen remisión para deixar case sentenzado o partido. Xa só un erro portugués podía dar azos a México: un córner mal defendido deixou o coiro de Dos Santos fóra de foco para defensa e con Héctor Moreno moi mañoso nun remate a gol que certificaba o empate nun partido no que Cristiano Ronaldo foi nomeado xogador máis valioso.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/06/2017