CRTVG

Buscar

Portugal elixe o seu Parlamento cunha forte abstención

Publicado o 06/10/2019 19:09

• A abstención supera o 60 por cento ás catro da tarde

Eleccións presidenciais en Tunisia | Parlamentarias en Kosovo

Os cidadáns portugueses están chamados ás urnas para elixir os 230 deputados dos que dependerá o seu futuro Goberno, despois de catro anos de mandato en minoría do socialista António Costa, o principal favorito nas sondaxes. 

Os últimos datos oficiais do Ministerio de Administración Interna reflicten un aumento da abstención, xa que ás catro da tarde só votaran 4.172.000 persoas, un 38,59% do censo. Esta cifraé menor da que se rexistrou en 2015, cando xa exerceran o seu dereito ao voto un 44,38% dos portugueses. Con estes números, a abstención deste domingo pasa do 61% e non parece que vaia mudar no que queda de xornada.

Portugal elixe o seu próximo goberno. Case once millóns de cidadáns están chamados ás urnas, millón e medio deles residentes no estranxeiro. Preséntanse 21 partidos a estas lexislativas, seis con cadeira no Parlamento nos últimos catro anos.

As primeiras proxeccións de resultados coñeceranse a partir das nove da noite, hora galega. As sondaxes divulgadas ao remate da campaña sinalan como favorito o actual primeiro ministro, o socialista António Costa.

Danlle entre un 36,5 e un 38 por cento dos votos. Sería unha vitoria sen maioría absoluta que o obrigaría a buscar outra vez apoios para gobernar. Nesta lexislatura fíxoo con acordos a nivel parlamentario co Bloco de Esquerda, os comuninstas e os Verdes.

As enquisas mostran que as dereitas non sumarían en contra. Ao rival máis directo de Costa, o Partido Social Demócrata, con Rui Rio á fronte, vaticínanlle dez puntos menos que aos socialistas.

De todas formas, as sondaxes tamén revelaron un número grande de indecisos, sobre todo entre os votantes de centro, e preocupa a abstención. Nas últimas lexislativas foi do 44%.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/10/2019