CRTVG

Buscar

Portugal decreta o estado de alerta e anuncia o peche das escolas desde o luns

Publicado o 14/03/2020 13:50

• As medidas xa se notan na raia

Onte a última hora o primeiro ministro sorprendía anunciando que as escolas de todo o país cerrarían a causa do coronavirus e durante a madrugada o consello de ministros aprobou oficialmente o estado de alerta. As principais medidas pasan por pechar todos os centros docentes de ensino e garderías, discotecas e clubs e limitan a capacidade dos restaurantes a un terzo.

Os centros comerciais e ximnasios tamén deben regular a cantidade de xente que vaian acoller durante os vindeiros días. Agora mesmo hai 78 casos rexistrados, ningún falecido e un recuperado. Hai que apuntar que Portugal está tomando medidas que outro países adoptaron cando xa tiñan miles de afectados pero o goberno de Costa dá un paso adiante para asegurar a contención do virus e así non colapsar o sistema de saúde. As medidas entran en vigor o vindeiro luns ata Semana Santa. O primeiro ministro, Antonio Costa, referiuse a estas accións, literalmente, como "medios para loitar pola nosa propia supervivencia". 

Para o Goberno é moi importante implementar estas medidas, non só para deter a expansión do virus, tamén para que Protección Civil e Bombeiros poidan actuar con rapidez en caso de ser necesario. A esta intención tamén vai unida a promesa de que os traballadores que quedan a coidar os fillos na casa por suspensión escolar recibirán o 66% do seu salario. 

O consello de ministros portugués tamén anunciou que se simplifica o proceso de contratación de médicos para que sexa máis sinxela a incorporación de persoal xubilado. 

Tamén quedan acoutados os permisos de atraque de cruceiros turísticos, que agora só están activos para abastecemento, non para desembarco de pasaxeiros con excepción dos que residan en Portugal. Así mesmo, as visitas a centros da terceira idade quedan limitados para protexer a unha poboación "particularmente vulnerable".

Noticias web

14/03/2020