CRTVG

Buscar

Portugal confina a poboación, pero coas escolas abertas

Publicado o 14/01/2021 11:29

Portugal atrasou un día o seu confinamento. Deberían estar inmersos nel xa, pero tiveron que adialo porque houbo un gran debate no seo do executivo para decidir as restricións e comunicaron demasiado tarde as medidas como para ser aplicadas hoxe.

O confinamento terá varias diferenzas respecto ao da primavera pasada. Os colexios e institutos seguirán funcionando porque non supoñen un perigo de transmisión, segundo manifestou o Goberno.

Desta volta, o confinamento non é unha petición ou deber do cidadán, é unha obriga. Se non se cumpre, pode ter sanción.

As competicións deportivas mantéñense, as igrexas seguirán abertas e todo o demais pechado. Teletraballo obrigatorio e pódese saír facer deporte.  

Na fronteira reservan o dereito a parar os traballadores galegos para preguntar o motivo do desprazamento.

Esta medianoite comeza o segundo confinamento en Portugal, que durará, mínimo, un mes.

A medida, que viña avanzando dende hai unha semana, foi aprobada no Consello de Ministros e anunciada en conferencia de prensa polo primeiro ministro luso António Costa ante unha terceira vaga da pandemia en Portugal, que hoxe superou o medio millón de casos.

"A regra é simple: cada un de nós ten que quedar na casa", insistiu Costa, que lamentou que Portugal volva "onde estaba en abril". Os portugueses deberán permanecer na casa excepto para actividades esenciais como traballar, comprar alimentos ou medicamentos, acudir ao médico, asistir anciáns ou realizar pequenos paseos ou deporte ao aire libre.

A estas excepcións engadirase o día 24 de xaneiro a liberdade de movemento para ir votar nas eleccións presidenciais. O teletraballo será obrigatorio sempre que sexa posible e pechará todo o comercio que non sexa esencial -permanecerán abertas alimentación e farmacias, principalmente-, e a restauración só poderá operar con entregas a domicilio e para levar.

Tamén pechará o sector cultural e os ximnasios, pero mantéñense as cerimonias relixiosas, os servizos públicos presenciais con cita previa, a liga profesional de fútbol e equivalentes -sen público- e seguen abertos os tribunais e mais os consultorios e os dentistas.

Todo o ensino será presencial

A principal diferenza respecto á primavera está nas escolas: o ano pasado pecháronse, pero esta vez todos os centros educativos permanecerán abertos e manterase o ensino presencial.

"Non podemos sacrificar outra vez unha xeración", dixo o primeiro ministro portugués, que sinalou que, consultados os especialistas e a comunidade educativa, "os pros superan os contras".

Aínda así, vai realizar unha campaña de tests de antíxenos nas escolas para identificar e cortar cadeas de transmisión. Ademais, endurecerase o réxime de sancións e as multas por incumprimento das regras duplicaranse, incluídas as das empresas que non respecten o teletraballo ou as do uso obrigatorio de máscara.

O Goberno tamén recuperará apoios ás empresas e aos traballadores que xa puxo en marcha na primeira vaga, como o acceso automático ao réxime de expedientes de regulación de emprego simplificado a todas as actividades obrigadas a pechar, que permite suspender temporalmente os contratos de empregados.

Todas as medidas serán revisadas dentro de 15 días, cando acaba a prorrogación do estado de emerxencia aprobada este mércores no Parlamento, pero Costa xa avisou de que están pensadas para durar polo menos un mes. O Parlamento terá entón que volver renovar o estado de emerxencia, o nivel de alerta máis grave, xa que a Constitución só permite facelo por un período máximo de 15 días.

Consecuencias da terceira vaga

O confinamento chega no momento "máis perigoso" da pandemia, avisou Costa, que lembrou as cifras que o país rexistrou nos últimos días. Portugal superou hoxe o medio millón de casos de covid-19, nunha xornada en que se notificaron 10.556 contaxios e 156 falecidos, novos máximos de toda a pandemia.

O país, con 10 millóns de habitantes, acumula 8.236 mortos e seis días consecutivos por encima do centenar diario. Nos hospitais a situación é moi complicada, xa que o número de ingresados non deixou de crecer desde que empezou 2021 e moitos centros xa están no último nivel do plan de continxencia e mesmo tiveron que trasladar pacientes a outros establecementos.

A ministra de Saúde, Marta Temido, enviou hoxe un aviso a todos os hospitais para que suspendan a actividade non urxente e se apracen todas as cirurxías de prioridade normal ou elevada, sempre que non impliquen un risco para o enfermo, incluídas as oncolóxicas. O Goberno espera que profesionais sanitarios, e mais os anciáns en residencias e os seus traballadores, estean "totalmente inmunizados" coa vacina en marzo.