CRTVG

Buscar

Portugal aproba o estado de emerxencia en pleno récord de contaxios

Publicado o 06/11/2020 18:53


O Parlamento portugués aprobou esta tarde o decreto do presidente da República que estabelece oestado de emerxencia entre os días 9 e 23 de novembro.  PS, PSD, CDS votaron a favor (193), PCP, PEV e Iniciativa Liberal votaron en contra (14); e BE, PAN e Chega abstivéronse (23).

Portugal bateu hoxe o seu récord de contaxios diarios con 5.550 infeccións nas últimas 24 horas, en que se rexistraron 52 falecidos, mentres que o número de hospitalizados e en coidados intensivos tamén marcou máximos de toda a pandemia. Segundo a Dirección Xeral de Saúde (DGS), notificáronse 5.550 positivos no último día, co que se supera o récord anterior (4.656 casos o venres pasado) e elévanse a 166.900 os positivos confirmados desde marzo.

Nas últimas 24 horas faleceron 52 persoas con coronavirus, o segundo valor diario máis alto (onte notificáronse 59 decesos), e o número total de mortes ascende a 2.792. Tamén aumentaron as hospitalizacións, ata as 2.425, e deses pacientes 340 están en coidados intensivos, outro máximo desde o inicio da pandemia. A rexión máis afectada segue sendo o norte, que acumulou máis da metade dos casos no último día.

O empeoramento da situación epidemiolóxica en Portugal levou o Goberno a tomar máis medidas e solicitar ao presidente do país, Marcelo Rebelo de Sousa, que declarase un novo estado de emerxencia.

O primeiro ministro portugués, António Costa, insistiu hoxe en que o estado de emerxencia busca sobre todo dar soporte xurídico para tomar máis medidas, aínda que considera que sería "conveniente" que a declaración se alongase ata a fin da pandemia e non só quince días. Entre as medidas que permitirá o novo estado de emerxencia inclúense limitar a circulación nos municipios máis afectados, mobilizar as Forzas Armadas para realizar rastrexos, esixir a medición de temperatura e PCR negativa para acceder a certos espazos e utilizar medios sanitarios do sector privado. Desde o mércores, xa está en vigor un confinamento parcial en 121 municipios, que aglutinan o 70 % da súa poboación e inclúen Lisboa e O Porto, aínda que as escolas, o comercio, a hostalería e mesmo os centros culturais permanecen abertos.

 

Noticias web

06/11/2020