CRTVG

Buscar

Portugal aproba a prórroga do estado de emerxencia ata o 2 de maio

Publicado o 16/04/2020 21:06

Portugal aprobou esta tarde a renovación do estado de emerxencia ata o día 2 de maio. O texto recolle a posibilidade de ir abrindo pouco a pouco os negocios.

E non só iso, porque o primeiro ministro António Costa dixo que esperan que sexa a última renovación do estado de emerxencia a pesar de que o presidente da República dixera estes días que el propón que sexa ata mediadios de maio. O Parlamento de todas formas aprobou polo de agora 15 días máis, é dicir ata o 2 de maio e esta renovación implica que se retomen algunhas actividades económicas e eliminar algunhas restricións de circulación de forma gradual e selectiva, dixo o primeiro ministro e mesmo pensan abrir as garderías no mes de maio.

Iso significa que a partir da semana que vén xa poderemos ver a retirada dalgunhas das normas impostas polo estado de emerxencia que está vixente dende o 19 de marzo, impúxose cinco días despois do estado de alarma español. Iso si, a fronteira por terra con España seguirá pechada ata o 14 de maio. Hoxe cúmprese un mes desde ese peche histórico en que Portugal controlou o paso de case 170.000 vehículos en toda a fronteira con España, 70.000 en Valença, onde vetaron o paso de 472 vehículos. 

Noticias web

16/04/2020

Máis sobre actualidade