CRTVG

Buscar

Portugal alcanza novo máximo de contaxios diarios tras ampliar as limitacións

Publicado o 13/11/2020 19:28


Portugal alcanzou hoxe un novo máximo de contaxiados diario da Covid-19 desde que comezou a pandemia, cun total de 6.653 positivos, polo que xa contabilizou desde marzo 204.664 infectados, dos que 84.032 permanecen activos. 

O Estado luso, que permanecerá, polo menos, en estado de emerxencia (o nivel de alerta máximo do país) ata o 23 de novembro, rexistrou nas últimas 24 horas 69 falecidos por coronavirus, polo que en total xa morreron 3.250 persoas. 

A presión hospitalaria segue aumentando en todo o país con 2.799 hospitalizados (5 máis que onte), dos que 388 están en coidados intensivos. 
O Consello de Ministros de Portugal ampliou onte a 191 comarcas o toque de queda que decretou o pasado luns para 121 concellos, incluídos os do Porto e Lisboa. 

Esta medida estará vixente ata o próximo 23 de novembro, aínda que as 308 comarcas do país iranse avaliando en función dos casos positivos que acumule, xa que son incluídos no toque de queda se exceden a media de 240 positivos por cada 100.000 habitantes nas últimas dúas semanas. 

Esta imposición supón que os veciños deben permanecer no seu domicilio de luns a venres entre as 23 e as 05 horas, mentres que os fins de semana non poderán saír entre as 13 e as 05 horas. 

O Goberno portugués tamén decidiu onte que todo o comercio e a restauración, salvo excepcións contadas, deberán permanecer pechados os dous próximos fins de semana entre as 13 e as 08 horas do día seguinte para frear a propagación da covid-19. 

Son 4 os municipios en vermello que lindan con Galicia: Caminha, Cerveira, Chaves e Valença do Minho.

As fronteiras non estarán pechadas, pero os galegos debemos respectar ese toque de queda imposto polo Goberno luso.

Noticias web

13/11/2020