CRTVG

Buscar

Portugal abrirá o luns centros comerciais, cinemas e o interior dos restaurantes

Publicado o 15/04/2021 21:05
Portugal abrirá o luns centros comerciais, cinemas e o interior dos restaurantes

O Goberno portugués anunciou hoxe que a situación epidemiolóxica do coronavirus se mantén estable e, por tanto, iniciará o vindeiro luns a terceira e penúltima fase do seu desconfinamento, que prevé a apertura de centros comerciais, cinemas, e que restaurantes atendan no seu interior. "Estamos en condicións de dar o próximo paso e na xeneralidade do territorio podemos, a partir de luns, entrar na seguinte fase do desconfinamento", explicou o primeiro ministro, o socialista António Costa, en conferencia de prensa posterior ao consello de ministros.

Así, o vindeiro luns 19 comezará a terceira fase da desescalada lusa, na que volverán á clase presencial os alumnos maiores de quince anos —os menores xa as recuperaban— e os universitarios. Abrirán cinemas, teatros e salas de espectáculos, todas as tendas e centros comerciais. Ademais, os restaurantes, que ata o de agora apenas podían atender clientes en terrazas, pasan a poder facelo no interior do establecemento, e permítense vodas e bautizos con asistencia limitada ao 25 % da ocupación do lugar enque se realicen.

Estas regras aplícanse a practicamente todo o territorio portugués, salvo sete dos 308 municipios do país, que non pasan á seguinte fase por superaren unha incidencia de 120 casos por 100.000 habitantes durante un mes. Nestas localidades manteranse as regras actuais: clases presenciais para menores de 15 anos, comercio de ata 200 metros cadrados con saída á rúa abertos e salóns de peiteado e librerías, e restaurantes atenden só en terrazas.

Outros catro municipios retroceden á fase anterior, a primeira, por superaren os 240 casos por 100.000 habitantes. Nestas zonas apenas terán clase presencial alumnos de preescolar e primaria, os comercios e restaurantes estarán pechados e só con servizo de entrega a domicilio e os salóns de peiteado estarán abertos.

Portugal atópase actualmente en estado de emerxencia, o nivel de alerta máis elevado do país. A situación prorrogarase polo menos ata o 30 de abril. Tamén continúan restrinxidos durante polo menos outros quince días os pasos fronteirizos entre Portugal e España, por onde só poden cruzar os transportistas e os traballadores transfronteirizos. O país, con ao redor de 10 millóns de habitantes, rexistrou desde o inicio da pandemia 16.933 falecidos e 829.358 infectados. 

 

Noticias web

15/04/2021