CRTVG

Buscar

Portomarín pon en valor o único castro á beira do Camiño de Santiago

Publicado o 17/06/2020 21:22

Este de Castromaior, que data do século VI antes de Cristo e que se atopa en Portomarín, é o único castro situado á beira do Camiño de Santiago. Á espera de que poidan volver os peregrinos, o Concello xa traballa para poñer en valor este emprazamento e para que as persoas que fagan a ruta xacobea saiban algo máis da cultura castrexa.

Os operarios xa están a construír o que vai ser o centro de interpretación do castro de Castromaior, en Portomarín. O edificio servirá para dar a coñecer a singularidade deste poboado castrexo, que contaba cunha estrutura en dúas alturas, unha rede de recollida de augas pluviais e residuais e mesmo unha praza onde se celebraban eventos sociais. Unha xoia da arqueoloxía que se quere promover aínda máis.

"Vaise dedicar a un museo etnográfico para fomentar este castro de Castromaior, que é o único que está na contorna do Camiño Francés a Santiago."

Aínda que aberto a todo o público, o centro está concibido sobre todo para os peregrinos que fan o Camiño Francés e que pasan a menos de dez metros da muralla exterior do castro. Queréselles dar a posibilidade de facer unha breve parada para coñecer esta construción do século VI antes de Cristo e da que aínda hai aspectos por investigar.

"Isto quérese potenciar para que sirva tamén de pulo para o turismo de Portomarín que, co peche do Camiño de Santiago, está moi necesitado."

No Camiño hai outros castros lindeiros coa ruta, pero ningún tan preto dela nin con tan bo estado de conservación ou con tanta información para o visitante.

Noticias web

17/06/2020