CRTVG

Buscar

Porcos celtas en Osmo, a primeira aldea modelo galega

Publicado o 29/01/2020 21:48

A primeira aldea modelo de Galicia, no concello ourensán de Cenlle, comeza a tomar forma. Primeiro rozaron o perímetro e, agora, agardan a chegada dos primeiros inquilinos: unha trintena de porcos celtas que se criarán baixo criterios ecolóxicos, para rendibilizar as terras.

Doce persoas viven en Osmo durante o inverno. A elevada idade media dos seus habitantes baixou coa incorporación dunha nova familia que regresou á aldea dos avós e vai poñer en marcha unha explotación de porcos celtas en extensivo e cultivo ecolóxico de produtos da horta.

Martín Touceda, vai criar porcos celtas: "Gústanos o tema ecolóxico, apostamos por iso, cremos que ten futuro e pareceunos importante apostar por onde estamos vivindo. Cremos que ten futuro e que pode funcionar".

Calculan que en tres meses estea todo preparado para traer os animais.

"Nin se vai tirar un muro, nin se vai mover un marco nin se vai facer nada do que se poida arrepentir o que vai alugar. Imos respectar o medio ambiente, que é do que se trata".

É o primeiro proxecto de explotación agrogandeira da primeira aldea modelo de Galicia. Unha vez rozado o perímetro, como medida contra os incendios forestais, o seguinte paso é a posta en valor das terras con proxectos de explotación. Os veciños alugan as leiras a través do banco de terras.

Gabriel Alén, alcalde de Cenlle: "Eu penso que son todo beneficios. Non estaba habendo aproveitamento económico de ningunha destas parcelas. Estaban cheas de silvas, de mimosas... e agora os veciños ven as súas leiras limpas, e iso tráelles recordo de antano, cando os antepasados estaban traballando, e revive a vila".

Xa están estudando outros dous proxectos: un vitivinícola e outro de árbores froiteiras.

Noticias web

29/01/2020