CRTVG

Buscar

Porcos celtas contra os incendios forestais en Osmo

Publicado o 22/09/2021 20:43

Os porcos celtas naceron xa na primeira aldea modelo de Galicia, Osmo, no concello ourensán de Cenlle. Son a aposta persoal dunha familia que vivía en zona urbana, en Santiago, e que decidiron dar ese paso ao rural e emprender a produción en ecolóxico

A primeira aldea modelo de Galicia, un mecanismo de loita contra os incendios forestais, cumpre dous anos e xa dá os seus propios froitos. Onde antes había xestas e codesos, agora fozan os porcos celtas.

Estes porcos non saben nada de incendios forestais. Afortunadamente para eles, non padeceron ningún. Chegaron aquí para loitar contra o lume, dándolle produtividade ao monte.

"Poñendo en uso terras que non podes localizar os donos, que están en desuso, que poden ser un risco de incendio", explica Martín Touceda, pioneiro da aldea modelo de Osmo.

Martín e a súa parella foron os primeiros en asentarse na primeira aldea modelo de Galicia. Non foi cousa sinxela. El conserva o seu traballo de comercial porque a explotación de porco celta, con 20 animais, non lles dá para vivir. Pero seguen firmes na súa aposta: "Á parte do medio ambiente, de coidar unha raza en perigo de extinción, tamén estamos concienciados co tema da saúde e coa silvicultura".

Para lograr unha maior rendibilidade, queren pechar o círculo e sacaron a súa propia liña de produtos de porco celta, cen por cento naturais: "Os nosos chourizos é pemento, allo e sal, á parte da carne dos nosos porcos. Intentamos que sexan tradicionais, sen conservantes, para trasladar ao mercado a saúde dos nosos animais".

En dous anos, desde a experiencia piloto de Osmo, constituíronse en Galicia 14 aldeas modelo, e a consellería do Medio Rural está procesando outras 70 solicitudes.

Noticias web

22/09/2021