CRTVG

Buscar

Por que matou o Chicle a Diana Quer?

Publicado o 25/11/2019 19:30

O xuízo polo asasinato de Diana Quer chega á súa fin. Esta mañá, a defensa presentará as súas conclusións, aínda que xa recoñeceu un posible homicidio doloso, polo que sobe a petición de pena de 5 a 7 anos. Fiscalía e acusación particular pediron para Abuín prisión permanente revisable. 

O Chicle raptou a Diana Quer na Pobra, levouna ata Asados para violala e matouna para que non ter que pagar as consecuencias desta agresión sexual. Así o defenden a Fiscalía e a acusación particular nas súas conclusións definitivas. Non importa que non aparecese o seu ADN no cadáver. Porque para estas partes todos os indicios apuntan nunha única dirección.

Ricardo Pérez Lama, avogado da acusación particular: "Pretende facerlles crer que non agrediu sexualmente a Diana e iso non o cre ninguén. Se alguén quere desfacerse dun corpo non o mete nos asentos de atrás para que calquera o vexa. Non, o que fai é desfacerse do cadáver. Pero el vai ao sitio que coñece e vai a toda velocidade porque Diana vai viva no coche".

Cristina Margalet, fiscala: "Golpeouna na caluga, privouna de movementos, sacoulle o móbil, que era o único medio polo que podía pedir axuda... Pero por que? Porque isto forma parte do seu modus operandi, precisamente para deixala indefensa porque quería violala e asasinala e logo agochar o seu corpo para que non fose atopado".

Fiscalía e acusación negan que a morte de Diana fose accidental. Dan por probado que Abuín a asasinou en Asados cunha brida. Din que é un depredador sexual, que non se arrepinte dos seus feitos e piden que non se aplique a atenuante de confesión porque mentiu durante todo o proceso.

Ricardo Pérez Lama, avogado da acusación particular: "Mentiu na Garda Civil e logo negouse a declarar dúas veces ante o xuíz de instrución e non o fixo ata que soubo o resultado da autopsia".

Fiscalía e acusación particular piden para Abuín prisión permanente revisable. A defensa presentará as súas conclusións este martes, aínda que xa recoñeceu un posible homicidio doloso, e non involuntario, que subiría a petición de pena para o acusado a entre 5 e 7 anos de prisión.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/11/2019