CRTVG

Buscar

Por que cómpre vacinarse da gripe? Cantos máis recursos contra a covid-19, mellor

Publicado o 13/10/2020 14:26

Hoxe adminístranse as primeiras en vacinarse contra a gripe este outono e, se sempre é recomendable protexerse contra esta doenza, este ano resulta crucial para o sistema sanitario.

Hoxe comeza a campaña en Galicia con máis doses dispoñibles ca nunca, 617.000 adquiridas polo Sergas e outras 250.000 proporcionadas polo Ministerio de Sanidade. O obxectivo, evitar colapsar a rede sanitaria pola confluencia de gripe e coronavirus.

O coordinador de enfermería do Centro de Saúde de Oroso, Manuel Vidal, explica que "cantas menos persoas teñamos con gripe, moitísimo mellor para dedicar máis recursos a persoas que teñan sintomatoloxía compatible con coronavirus".

En centros de saúde como o de Oroso calculan que van vacinar arredor de 300 persoas semanalmente. Coma todos os anos, é imprescindible pedir cita no centro de saúde e acudir puntualmente.

O obxectivo é chegar ao 75 por cento da poboación maior de 65 anos e do persoal sanitario, mentres que para enfermos crónicos, outras persoas vulnerables e embarazadas quérese acadar unha cobertura do 60 por cento.

Este ano, ademais, incorpóranse, como poboación diana, as mulleres que foran nais nos últimos seis meses. Dadas as circunstancias, os responsables sanitarios auguran un aumento na demanda da vacina, como xa sucedera en 2009 cando se declarou a pandemia da gripe A e medrou un 20 por cento a cobertura da vacinación.

Así, algúns dos que hoxe se achegaban a pedir cita ou vacinarse corroboraban que este ano é especialmente importante protexerse. Manuel Vidal confirmaba que nesta campaña os pacientes foron máis dilixentes á hora de pedir cita para vacinarse.

As máis de 865.000 doses dispoñibles nesta campaña en Galicia supoñen unha cobertura para o terzo da poboación total. Máis do 70 por cento dos que se vacinaron o ano pasado foron persoas maiores de 65 anos.

Noticias web

13/10/2020