CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

Por primeira vez na historia España ten un embaixador galego na Arxentina

Publicado o 18/12/2017 15:10

Aínda que soe paradoxal, por primeira vez na historia España ten un embaixador galego na Arxentina. É coruñés, diplomático de carreira e quere tender pontes para que España e A Arxentina sigan medrando xuntas.

A embaixada de España na Arxentina ten, por primeira vez na súa historia, un galego á fronte.
O coruñés Francisco Javier Sandomingo Núñez é o flamante responsable da sede diplomática de España no país austral, onde residen máis galegos. E proponse un reto para os vindeiros anos, unir os dous sectores clave da colectividade: o empresarial e o social.

É coruñés, ten 63 anos e leva media vida como diplomático. Pasou por México, Tailandia ou Cimbabue, pero mantén intacto o seu acento e xeito galego.
Para Francisco Javier Sandomingo ser embaixador de España na Arxentina, e por enriba o primeiro galego, é toda unha honra.

Francisco Javier Sandomingo Núñez, embaixador de España na Arxentina:
"Debería habelo moito antes pero máis vale tarde ca nunca. Para min é un orgullo, unha satisfacción e un privilexio estar aquí en Bos Aires".

Resalta a importancia dos galegos da proclamada quinta provincia, polo que marcaron a España e á Arxentina, e polo que aínda se implican hoxe en día.

Francisco Javier Sandomingo Núñez, embaixador de España na Arxentina:
"Unha inquietude polo que está a pasar alá e unhas ganas de contrubuír de algunha maneira a solucinar os problemas que é moi emocinante".

Un colectivo cun forte asociacionismo, vital -di- á hora de manter a vinculación das novas xeracións con Galicia.
É un home próximo por natureza e como diplomático, di que vén para axudar en temas clave, como estimular os investimentos españois cara ao país suramericano ou que se asine o acordo comercial entre o Mercosur e a Unión Europea. E ten un reto persoal: unir o empresariado e a masa social galega para que poidan levar adiante iniciativas conxuntas, especialmente no eido cultural.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí