CRTVG

Buscar

Un neno de Santiago pasa seis días no hospital por unha picadura de víbora

Publicado o 09/09/2019 21:59

Coa prolongación do tempo estival, tamén aumentan as posibilidades de sermos vítimas dalgunha picadura. Polas de víboras, en todo o ano, en toda España, os centros sanitarios atenden unhas cen persoas. Pero só nos últimos días e só no CHUS hospitalizaron unha muller de mediana idade e un neno de nove anos. Afortunadamente, a evolución foi boa e xa están dados de alta.

Nove anos e algo especial que contar este curso, superar, por unha picadura, seis días de hospitalización.

"Agora xa non, pero si que me doeu moito. Din que son un camión... Non sei... Pero si que llelo vou contar aos compañeiros do cole", di Pelaio Gómez Somoza, con 9 anos, ao que lle picou unha víbora e estivo hospitalizado 6 días no CHUS.

"Apareceunos o rapaz cun bote de auga osixenada, para buscar solución... Díxonos: papá, mordeume unha serpe... Ao verlle a picadura, os dous buraquiños... E que en cinco minutos necrosa e comeza inchar... Claro que te asustas... Dabondo como para saír bulindo con el cara ao hospital", di Miguel Ángel Gómez González, pai do neno hospitalizado seis días pola picadura dunha víbora.

No Complexo Hospitalario Universitario de Santiago ingresárono para tratarlle a picadura, dunha víbora coa que topara xogando, un anaco antes, nun prado de Negreira.

"Vixiárono, estudárono e antes das doce horas xa lle puxeron o antídoto. Tivérono seis días controlado e con antibióticos, porque, á parte do veleno, están as complicacións que poida traer consigo as infeccións que poda ter e transmitir calquera becho salvaxe... Quedamos moi agradecidos. Os profesionais da sanidade fixeron, co noso fillo, un traballo excepcional", Miguel Ángel Gómez González, pai do neno ingresado seis días pola picadura dunha víbora.

En Galicia, as picaduras que ás veces hai que tratar, amais das de cobra bastarda, non velenosa, pero que si pode dar síntomas locais, son sobre todas as das víboras de Seoane ou fociñuda.

"Normalmente os síntomas son leves, pasan sós. Pero mellor asegurar. Se hai síntomas maiores, adminístrase soro antiviperino, todos os centros do Sergas o temos. Adminístrase nas horas iniciais. Unha boa picadura de víbora provoca moita dor. Cando o corpo absorbe veleno poden complicarse os síntomas... Coas horas. Son síntomas sistémicos xa: náuseas, vómitos, malestar, dor abdominal, diarrea ou ata hipotensión", Henrique Villena, médico do servizo de Urxencias do CHUS.

No momento da picadura, chamar ao 061 ou 112 e, mellor, ir a un centro de saúde. Nunca succionar nós o veleno, nin cortar nin apertar a zona, pero si podemos desinfectala sen iodados e mantela elevada.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/09/2019