CRTVG

Buscar

Pontón reta a Feijóo a non ir "de ganchete" coas empresas eléctricas

Publicado o 31/08/2021 15:46

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considera que o que está pasando co prezo da luz é unha estafa legalizada. Por este motivo, pídelle ao Goberno que tome medidas que baixen a factura e reta o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a deixar de ir "do ganchete" das compañías eléctricas e que se poña á beira" dos intereses de Galicia.

En declaracións aos xornalistas en Poio, Pontón reiterou que a factura da luz é unha "estafa" que está "legalizada" a través do Boletín Oficial do Estado, algo que cualificou de "indecente".

"É infumable que a resposta dun Goberno que se di progresista sexa dicirnos que as eléctricas teñen pouca empatía social", sinalou a dirixente nacionalista, que lembra ao executivo de Pedro Sánchez que frear esta escalada "é a súa responsabilidade".

A portavoz nacional do BNG insistiu en que a Galicia a penalizan" no canto de obter unha compensación económica polos custos ambientais que supón a xeración de enerxía eléctrica, e reclamou unha resposta por parte da Xunta.

"O señor Feijóo non pode seguir coma se o tema da factura da luz non fose un asunto de máxima relevancia en que a Xunta ten que tomar as rendas e ter iniciativa política para abaratarlles a luz aos galegos", engadiu.

Noticias web

31/08/2021